Presentación en 3, 2, 1...

TEMA 5



 DOSIER

Durante este tema realizamos varias tarefas que nos axudaron a asimilar o aprendido: repaso do currículo en xeral (elementos, competencias básicas, graos de concreción);
o currículo das linguas estranxeiras en canto á LOMLOE para a ESO, o Bacharelato, a FP e as Ensinanzas de idiomas de réxime especial; os diferentes tipos de avaliación; e, por último, as competencia asignadas a cada administración correspondente.

Deste xeito, realizamos dúas actividades en grupo: por unha banda,  as linguas estranxeiras no currículo da ESO, Bacharelato e FP e, por outra banda, o deseño curricular dos idiomas na EOI. Ademais, tamén fixemos dúas tarefas individuais a través de dúas aplicacións para avaliar os nosos coñecementos: unha nube de ideas en Wooclap e un Kahoot.

As linguas estranxeiras no currículo da ESO, Bacharelato e FP

Para levar a cabo esta actividade formamos varios «minigrupos» de traballo. Eu formaba o minigrupo n. º 3 xunto cos meus dous compañeiros: Alejandro Pérez Losada e Pablo García Vilariño. Entre os/as tres traballamos a parte de «As linguas estranxeiras no currículo do Bacharelato». O obxectivo principal desta actividade era buscar e mencionar o relacionado coas linguas estranxeiras dentro do currículo do Bacharelato.

Polo tanto, dividimos a presenza das linguas estranxeiras no currículo en diferentes contidos: as linguas estranxeiras no currículo de Bacharelato nos obxectivos de etapa, as linguas estranxeiras no currículo de Bacharelato nos principios pedagóxicos da etapa, as linguas estranxeiras no currículo de Bacharelato na atención á diversidade, as linguas estranxeiras no currículo de Bacharelato nas competencias clave e os descritores operativos e as linguas estranxeiras nas orientacións pedagóxicas do currículo de Bacharelato específico da primeira e segunda lingua estranxeira.

Ademais, tamén puidemos reflexionar sobre o proceso do noso propio traballo tras tratar: os obxectivos, as competencias mobilizadas, os criterios de avaliación, as metodoloxías empregadas e unha autoavaliación.

O traballo en grupo fíxose moi ameno, xa que nos dividimos os diferentes contidos; cada persoa ía traballando segundo a parte que elixiu con anterioridade. Logo, xuntamos toda a información e comezamos o deseño de cada diapositiva que nos correspondía. Ao fin, debatemos todas as dúbidas, problemas ou impedimentos para chegar a un acordo como grupo. En canto á exposición oral, cada persoa presentou o contido co que traballara.

A través desta actividade aprendín máis sobre o rol das linguas estranxeiras no currículo. En materias anteriores tocáramos o currículo en xeral, pero sen centrarnos no noso eido. Ademais, esta actividade tamén me axudou a discernir os elementos do currículo. E, sen dúbida, a seguir traballando en equipo. Pode ser que os/as compoñentes do grupo sexan un elemento moi importante, pero, co tempo, estame agradando máis traballar en grupo.

Recoñezo que o que máis me resultou eficaz foi a autoavaliación do noso propio traballo; trátase dunha maneira de «aprender a aprender», de reflexionar e ao mesmo tempo de ser críticos/as sobre a nosa metodoloxía e resultados. A isto tamén engado a coavaliación, xa que permite ver o noso resultado dende outra perspectiva e crear un vínculo profesional co resto de compañeiros/as.

As ensinanzas de idiomas de réximeespecial no currículo da LOMLOE en Galicia

Esta presentación PowerPoint foi un traballo en común con toda a clase. Porén, cada «minigrupo» debía cubrir dúas partes da parte total da presentación. O meu minigrupo tivo que traballar cos apartados: organización nivel c1 e administración das probas de certificación.

Deste xeito, centrámonos no currículo para buscar a información necesaria sobre a organización do C1 e sobre a administración das probas de certificación. Este traballo si que o realizamos en conxunto ao mesmo tempo; buscamos a información, comentámola e debatémola e, logo, pensamos a maneira máis orixinal de expoñela na presentación. Consideramos que empregar dous gráficos era unha boa representación visual para acadar o obxectivo: informar ao noso público.

Realizar unha presentación en común con todo o grupo aula pareceume moi boa idea; moi boa dinámica para unha posible sesión. Considero que reunir a información deste xeito trabállanse moitas competencias: documentación, traballo en equipo, expresión de dita información a través das TIC, e, finalmente, exposición oral. Gardo esta proposta para un futuro como docente.

Finalmente, realizamos un par de tarefas máis dinámicas e como apoio en canto aos coñecementos que iamos vendo na clase: unha nube de ideas en Wooclap sobre diferentes elementos do currículo en xeral, e un Kahoot para deixar claro as competencias que lle corresponden as distintas administracións en canto ás linguas estranxeiras na educación.

DIARIO

Ao longo deste tema, tivemos a oportunidade de aprender diferentes contidos: o currículo da LOMLOE; as competencias das distintas administracións; o currículo das linguas estranxeiras na ESO, no Bacharelato, na FP e nas Ensinanzas de idiomas de réxime especial e, por último, a tipoloxía de avaliación.

Anteriormente, na materia de Deseño Curricular tivemos contacto co currículo da LOMLOE. De feito, tivemos que realizar unha programación didáctica moi rigorosa na que tivemos que ter presente o currículo todo o tempo. Nese momento, nos primeiros meses de mestrado, presentóusenos esta normativa coma un documento moi complicado de comprender, é dicir, bastante «hostil» e descoñecido para nós. Pola miña parte, era coma se lle tivese un pouco de pánico porque sempre me costou un pouco máis todos os documentos relacionados coa lexislación. Porén, nesta materia, As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional, puiden reflexionar e «aceptar» o currículo dunha maneira máis pausada. Ademais, as actividades realizadas durante este tema tamén me axudaron a «esmiuzar» o currículo. Ademais, centrámonos nas linguas estranxeiras no currículo. Esta parte tamén me motivou moito para entender este documento tras levalo ao meu eido (lingua estranxeira francés). Outra parte que me gustaría destacar despois de estudar a fondo o currículo, foi coñecer a sistemática das EOI; considero que, neste caso, o docente da materia ten todos os coñecementos para transmitirnos a información necesaria sobre esta institución, ás veces un pouco esquecida cando queremos comezar na carreira profesional como docentes.

Logo, tamén reforzamos os diferentes tipos de avaliacións, xa que as aprendemos na materia citada anteriormente. Creo que como docentes que imos ser, debemos ter en conta todos os tipos de avaliacións e aplicalas no momento correcto durante o curso escolar. E, ademais, innovar en canto a este tema; hai diferentes formas de avaliar ao alumnado sen basearnos na avaliación tradicional.

As competencias que lle corresponden a cada administración en canto ás linguas estranxeiras tamén foi un contido que aprendemos neste tema. Persoalmente, foi a parte que menos «dixerín». Supoño que é por unha cuestión de tempo, pero creo que esta parte supón pararse un pouco máis para afondar e discernir cada competencia con cada institución.

Finalmente, gustaríame destacar o papel do docente desta materia neste tema. El ao longo das sesións tamén ía introducindo ideas de metodoloxías, de actividades, etc. para realizar nun futuro como docentes nas nosas aulas.


Comentarios