A tradución como método de ensinanza nas linguas estranxeiras. A favor ou en contra? [Primeira sesión]
Ao
falarmos de «tradución como método de ensinanza nas linguas estranxeiras»
debemos situarnos ante o termo «tradución pedagóxica». Facemos referencia a
este concepto no momento no que empregamos a tradución cun fin de aprendizaxe e
non cun obxectivo profesional, coma no caso da tradución profesional. A
tradución pedagóxica segundo Elisabeth Lavault (1985: 9) é «la traduction en
didactique des langues étrangères», [a tradución didáctica nas linguas estranxeiras].
O rol da
tradución na ensinanza de linguas estranxeiras pasou por tres etapas moi
diferentes. Ata finais do século XIX, a tradución era un método clave para a
ensinanza de gramática e de vocabulario, o denominado «Método
Gramática-Tradución» (Villalobos, C. M., 2021), que foi rexeitado polo feito de
non ter en conta o contexto lingüístico na metodoloxía deste proceso. Deste
xeito, durante moito tempo, o uso único da lingua estranxeira (L2) na aula
primou ante a lingua nativa (L1) co fin de potenciar a súa expresión oral.
Porén, nas últimas tres décadas demostrouse que o contraste entre a L1 e a L2
aporta moitos beneficios (Schjoldager, 2004: 136) e que existe unha clara
asociación entre a tradución e a aprendizaxe de linguas estranxeiras.
Debemos
recoñecer que no eido do ensino de linguas estranxeiras existiu unha clara
posición ante primar o persoal docente nativo. Isto débese á tendencia citada
anteriormente sobre a prioridade da L2 no proceso de aprendizaxe. A día de
hoxe, a pesar de que aínda existen moitas crenzas aferradas a este pensamento,
demostrouse que neste proceso, sobre todo en niveis iniciais, o contraste entre
a L2 e a L1 é unha característica natural que xorde entre o alumnado. Por
exemplo, ¿quen non comparou palabras malsoantes entre dúas linguas?. É unha acción innata neste proceso de ensino e aprendizaxe. Non obstante, a
tradución foi rexeitada no seu momento polo feito de obviar o contexto
lingüístico ao aplicar esta metodoloxía. Pero, a tradución, para quen a coñece,
non se trata diso; a tradución non é a substitución literal dunha palabra por
outra, senón que debemos ir máis alá e centrarnos no significado connotativo
das palabras e dos textos. Débense ter en conta os elementos extralingüísticos
para levar a cabo esta acción. Por exemplo, todos e todas sabemos que unha
tortilla de patacas non é unha omelette: son dous pratos diferentes
que proveñen de culturas diferentes.
Polo
tanto, a tradución vainos aportar algo máis que unha simple substitución: un
contraste tanto lingüístico coma cultural. Como experiencia propia, admito que
a tradución aplicada correctamente nas aulas de linguas estranxeiras aporta
moitos beneficios: coñecemento profundo da gramática da L1 e da L2, reflexión
sobre as diferencias culturais que visibilizan as propias linguas e, sobre
todo, moita flexibilidade á hora de aprender calquera lingua.
E na túa
lingua, chove a cántaros ou «choven gatos e cans» (it was raining cats and
dogs)?
REFERENCIAS:
López,
N. (2014). Aplicaciones prácticas de la traducción pedagógica en
la clase de ELE. RedELE, Revista electrónica de didáctica del español
lengua extranjera.
Lavault,
Elisabeth. (1985). Fonctions de la traduction en didactique des langues.
París: Didier Érudition.
Sánchez Iglesias, Jorge J. (2009). La traducción en la enseñanza de lenguas extranjeras. Una aproximación polémica. RedELE, Revista electrónica de didáctica del español lengua extranjera.
Schjoldager,
Anne. (2004). “Are L2 learners more prone to err when they translate?”,
en K. Malmkjaer (ed.) Translation in undergraduate degree courses, (pp. 127-149).
Villalobos,
C. M. (2021). Método gramática-traducción frente a método activo en el
ámbito del latín y el griego: Nuestra experiencia. In Innovación docente e
investigación en arte y humanidades: nuevos enfoques en la metodología docente,
(pp. 859-870). Dykinson.
Ola, Tais. A túa entrada pareceume moi interesante, sobre todo dende o punto de vista dunha persoa que estudou tradución, coma ti. Eu creo que ten que haber un equilibrio entre a presenza da lingua «meta» nas clases e o uso da tradución con fins pedagóxicos. Sobre todo en niveis iniciais, paréceme moi productivo o uso da tradución xa que así establécense conexións entre a nosa lingua e a que estamos a aprender. Nestas conexións hai moitos matices lingüísticos e culturais que son moi enriquecedores para o alumnado.
ResponderEliminarCoucou Tais.
ResponderEliminarÚnome a Alejandro como graduado en tradución e interpretación para defender a tradución como un bo método no ensino dunha lingua estranxeira.
En canto á túa entrada, paréceme moi interesante a reflexión que fas sobre esa crenza ou pensamento de dárlle prioridade aos docentes nativos. Eu non considero que sexa necesario e moito menos nos niveis iniciais. Mesmo diría que unha persoa que pasou por un proceso de aprendizaxe dunha lingua X podería ser máis indicada para ensinala máis tarde ca unha persoa nativa.
Por certo, gustoume moito o exemplo de «It rains cats and dogs», xa sabes que son moi curioso co tema das expresións e frases feitas ;-).