Presentación en 3, 2, 1...

Como enfocar a literatura no ensino de linguas. [Segunda sesión]

 


Sobrecarga de literatura nas aulas? Son imprescindibles materiais literarios na ensinanza de linguas? Lecturas literarias obrigatorias? A literatura é o punto de mira no proceso de ensinanza de linguas e ás veces observado dende un extremo ou outro.

A presenza da literatura nas aulas pasou por varias épocas. Dende a miña experiencia ata o de agora, podo discernir dúas etapas: por unha banda, a literatura como único método para a ensinanza de linguas e, por outra banda, o afastamento da literatura nas aulas. De feito, a tendencia para min como alumna foi evidente, xa que (a pesar de que considero que non se pode xeneralizar) docentes de xeracións máis antigas empregaban a literatura como un único método de aprendizaxe, pero a medida que outros/as docentes se ían incorporando, a postura ía modulándose cara á unha idea metodolóxica onde se apartaba a literatura por completo. Pero, pode ter cabida a literatura nun punto medio dentro do ensino de linguas?

Estou graduada en Tradución e Interpretación, gustaríame exercer como docente e si: admito que non devezo pola literatura de Rousseau ou a de Diderot, por exemplo. E o meu día a día está mergullado polas letras, pola lectura e polas linguas. Por iso...realmente, que é a literatura? Se lle facemos esta pregunta á rapazada de quince anos, o máis seguro é que, ademais de pórnos unha cara estraña, mencionaríanos a literatura de hai séculos aos que ás veces é sometida a ler sen ningún tipo de comprensión. Polo tanto, onde encadramos a literatura actual? Os libros de poemas de amor das novas xeracións, os ensaios feministas, as biografías de todas esas persoas «influentes»? Isto tamén é literatura. Formulo esta reflexión, xa que quizais o problema se atope en como enfocamos a literatura.

Deste xeito, o rol do/a docente é esencial nesta transmisión. Se impoñemos a literatura a través dun libro obrigatorio no que non existe un coñecemento previo entre o alumnado e no que o único obxectivo vai ser cubrir un exame de preguntas curtas, a consecuencia vai ser evidente: desmotivación pola lingua e desmotivación pola literatura. Ao falarmos de literatura, dende o meu punto de vista, se se emprega de maneira axeitada, pode traer moitos beneficios. Como ben menciona Fillola, A. M. (2008), «a competencia literaria e a competencia comunicativa comparten saberes e activan estímulos textuais». Para min, a madurez educativa dos alumnos e das alumnas tamén se reflexa na interpretación dun texto, na capacidade de identificar, recoñecer e aplicar distintos recursos literarios e de reflexionar dende o sentido crítico. Ao fin, a literatura é  a base do noso pensamento; diso se trata escribir literatura, de expresar para compartir co público.  A literatura é creatividade, e isto implica abrir e crear curiosidades entre as persoas lectoras.

Empregar literatura de hai séculos na aula tamén é moi importante, pero debemos adaptarnos ás novas xeracións e innovar para aplicala correctamente. Porén, tamén é posible e moi recomendable usar material literario actual; é unha maneira de que o alumnado coñeza novos/as escritores/as e, a parte disto, para darlle unha oportunidades a eles e a elas.
Por exemplo, considero que é moi boa práctica didáctica empregar textos literarios para a realización do seu análise. Isto tamén supón non «colapsar» ao alumnado, senón que se trata dunha pequena introdución a ese xénero literario. Ademais, en canto ás lecturas «obrigatorias», debemos reflexionar este tema en como aplicalo na aula. Por que non dar varias opcións e deixar de lado o concepto de «obrigatorio»? Por que non escoitar ao alumnado segundo os seus gustos literarios? A miña paixón pola lectura comezou dende a miña propia elección: cos meus libros.




REFERENCIAS:

Fillola, A. M. (2008). La utilización de materiales literarios en la enseñanza de lenguas extranjeras. Alicante: Biblioteca Virtual Miguel.

Comentarios