DOSIER
Na
sesión do día 12 de decembro traballamos o Tema 6: As programacións didácticas
vixentes.
En primeiro
lugar, realizamos unha actividade, que xa coñeciamos con anterioridade, chamada
Think, write, pair and share para expoñer o que nos gustaría saber e
coñecer en canto aos exames das oposicións ao corpo de docencia no ensino
secundario. Nese momento, a miña cabeza estaba chea de ideas e cuestións, xa
que para min a día de hoxe aínda é un tema moi descoñecido.
Logo, o
profesor mostrounos unha presentación sobre as oposicións dirixidas ao ensino
secundario, ás escolas oficiais de idiomas, ao eido da música e das artes
escénicas, así como á formación profesional. Esta presentación expoñía aspectos
como os exames,
as puntuacións, os baremos, como se deben defender as diferentes probas, etc.
Ademais
disto, comentamos o Anexo III, parte onde se recollen todos os méritos que
se teñen en conta no concurso, na puntuación final tanto para o ensino secundario
coma para o ensino de linguas nas escola oficial de idiomas. O profesor tamén
fixo unha proposta de baremos co fin de pór un exemplo práctico.
Ao
final, falouse sobre os aspectos esenciais dunha programación didáctica. Á
volta de vacacións de Nadal, por unha banda, debemos entregar unha proposta de
programación e de unidade didáctica dentro da LOMLOE. A organización desta
tarefa basearase na formación de varios «minigrupos», para que cada un deles
traballe unha parte. Debemos ter en conta que a programación vai dirixida a 1. º
da ESO. No meu caso, ao noso grupo tocounos o apartado 5 sobre a avaliación, con
3 subapartados:
5.1.-
Procedemento para a avaliación inicial
5.2.-
Criterio de cualificación con indicación do grao mínimo de consecución para a
superación e criterios de recuperación
5.3.-
Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias
Por
outra banda, debemos traballar igualmente de maneira individual co fin de crear
unha unidade didáctica para 1. º da ESO na nosa lingua de especialidade, tendo
en conta todos os elementos vistos con anterioridade no traballo grupal da
programación.
Finalmente,
considero que ambas actividades son moi importantes con vistas das nosas saídas
profesionais. De feito, creo que traballar en grupo deste xeito é moi
interesante e, sobre todo, eficaz.
DIARIO
Esta
sesión da materia fixo que reflexionase un pouco sobre as oposicións; conclusión
inicial: non sei nada das oposicións. Recoñezo que ata o día de hoxe non foi un
tema no que estiven moi interesada, xa que sempre o observaba coma un trámite
moi afastado. Pero o tempo nesta vida corre moi rápido e, canto o menos
pensamos, o momento atópase aí.
Esta sesión
foi moi interesante para introducirnos os aspectos básicos deste proceso. En
todo momento, estiven moi interesada. Ademais, creo que o docente fixo que toda
a explicación fose moi visual. O que máis me chamou a atención de toda a
información foi a cuestión do temario. Os temas actuais son do 1993, e nós
estamos...no 2022. Hai algo que falla! O sistema das oposicións debería
evolucionar ao paso da sociedade na que nos atopamos, en canto ás necesidades
que se atopan no sistema educativo. Comprendo que non se pode cambiar o temario
dun ano para outro, xa que empatizo coas persoas que continúan durante un par
de anos intentando superar o exame e ter unha praza fixa no sistema público.
Pero, por que non actualizar ou revisar o temario cada 5-6 anos? A día de hoxe,
botando un ollo por enriba ao temario, coido que hai certos aspectos que faltan
en canto ao ensino actual de linguas estranxeiras.
En conclusión,
esta sesión foi unha das máis importantes que levamos en todo o mestrado. Para
ser un pouco crítica, considero que cunha sesión non é suficiente. O sistema
das oposicións é un proceso moi acuñado neste país para exercer na educación pública.
Polo tanto, creo que se deberían aproveitar moitas máis horas para intentar
informarnos sobre este proceso. Coido que moitas persoas que comezan nesta
carreira de fondo non teñen a información suficiente e deben tirar de persoas
coñecidas ou pagar a unha persoa preparadora para este trámite. Deste xeito,
quería facer especial mención a esta necesidade que vexo no mestrado de profesorado.
Comentarios
Publicar un comentario