Presentación en 3, 2, 1...

TEMA 11




O tema 11 ten por nome: A avaliación de linguas estranxeiras. Ao longo deste tema estudamos todos os tipo de avaliacións que existen (inicial, formativa e final) e os seus correspondentes descritores a través das rúbricas. Considero que este tema é moi importante á hora de formarnos como docentes; de feito, creo que dedicaría, se for posible, máis dun tema. A corrección e a valoración é fundamental en todo tipo de proceso educativo para así conseguir a melloría en todos os sentidos.




Na primeira sesión deste tema fixemos fincapé nos tres tipos de avaliacións: inicial, formativa e final. A través dunha presentación teórica puidemos aclarar os tres conceptos. Ademais disto, a docente destacou, sobre todo, a importancia da avaliación formativa. A través de diferentes datos teóricos e algún estudo realizado con alumnado deixounos claro que a avaliación formativa é a metodoloxía actual e efectivo da pedagoxía actual. Destacamos diferentes vantaxes desta avaliación como:

·       Non interfire coas clases.

·       Non se necesitan días adicionais para exames.

·       As actividades do día a día (roleplays, expresións escritas, discusións…) son a base da avaliación.

·       É un reflexo real do que se fai en clase O profesorado recibe información sobre os puntos forte e débiles do alumnado de forma múltiple e a través de actividades auténticas.

·       Pode mostrar o progreso do alumnado a través das mostras e documentación recollida.

·       Pode dar información máis aló da académica sobre o alumnado.

Persoalmente, eu penso o mesmo. A día de hoxe considero que pode ser a avaliación máis realista á hora de valorar a un alumno ou a unha alumna. Creo que debemos deixar atrás a cultura da nota, a cultura de tachar a alguén cun número polo simple feito de realizar un único exame. Agardo que co paso do tempo esta actitude pedagóxica vaia quedando atrás.

Ademais disto, tamén nos centramos moito nas rúbricas. Unha parte esencial da avaliación a que eu nunca lle din importancia... Ao mellor débese a que eu como alumna nunca as empregaron ou non as empregaron ben? Pode ser! Quedei abraiada a verdade cando descubrín as instrucións para realizalas correctamente. Se un ou unha docente quere levalas a cabo, recoñezo que son moi complicadas de facer e de reflectir os criterios de maneira axeitada. Ademais do papel do docente, dinme conta de que as rúbricas son moi importantes para deixar claro ao alumnado as correccións das que se parten para realizar unha tarefa. Coa docente destacamos moito este aspecto: o alumnado debe ser consciente da súa avaliación. Co gaio de pór en práctica as rúbricas, creamos unha para a actividade de mediación realizada no Tema 3 (Au restaurant).



Mentres os meus compañeiros mais eu a iamos facendo, a docente, no documento compartido, ía corrixindo. Recoñezo que aprendín moito nesta corrección e así agardo aplicala nun futuro.

 

Na segunda e última sesión repasamos o estudado na anterior: os tres tipos de avaliacións. Ademais de revisalo teoricamente, tamén reflexionamos sobre as tres a través de experiencias persoais, ben sexa, de experiencias como alumna ou experiencias como docente. A primeira, como alumna, é unha boa forma de reflexionar todo o proceso que nós vivimos. Eu, a través deste exercicio, moitas veces doume de conta que algunhas persoas docentes erraron e outras recoñezo o seu bo facer comigo como alumna (sendo obxectiva agora tras coñecer «a teoría»).

Deste xeito, repasamos os tres tipos e falamos dos diferentes instrumentos que podemos empregar en cada unha delas. Como xa fixemos na anterior sesión, centrámonos na avaliación formativa e como podemos realizar a corrección nesta tipoloxía: por escrito, oralmente, a través de diarios, a partir de reunións, etc.). No momento que falamos sobre isto, debo destacar un comentario da docente que me gustou moito, xa que o vexo totalmente positivo: ao corrixir a unha persoa é recomendable comentar o erro, pero tamén motivar engadindo o positivo que observamos na tarefa. Encántame esta filosofía como docente, xa que acaba dando o seu froito. A motivación é a clave! Ademais disto, tamén resalto, tras falar cos meus dous compañeiros, que unha corrección de todo o alumnado sempre vai ser mellor se contamos cun número reducido na aula, xa que sempre se complica en aulas con alumnado numeroso.

Logo, comentamos as vantaxes e desvantaxes da autoavaliación e da coavaliación. As conclusións que sacamos é que a autoavaliación é un pouco máis complicada de levala a cabo porque, como eu ben comentei, se eu o intentei facer o mellor posible, voume valorar negativamente? Creo que nunha autoavaliación entraría no concepto de ser consciente do noso propio progreso, pero a través de avaliacións e correccións externas. Polo que concirne a coavaliación, recoñezo que ben aplicada pode ser moi positiva. Por exemplo: no caso dunha corrección dunha produción escrita, se lle entregamos unha rúbrica ao alumnado, poderá así realizar unha boa valoración aos seus compañeiros e compañeiras.

Co fin de pór en práctica todo o aprendido, tivemos responder a unhas preguntas sobre o proceso de avaliación da actividade do Tema 3 mencionada anteriormente. Tras comentalo cos meus dous compañeiros redactamos as seguintes respostas:

Deseñar avaliación formativa para a actividade de mediación creada, tendo en conta:


Como imos aclarar, compartir e comprender as intencións da aprendizaxe e os criterios de avaliación? 

Para asegurarnos de que o alumnado saiba o que esperamos, amosarémoslle a rúbrica antes da realización da actividade. Desta maneira o alumnado estará informado do obxectivo da actividade. 


Como imos obter evidencia de que a aprendizaxe está a ter lugar?

Como persoal docente poderemos evidenciar a aprendizaxe a través da observación na aula  Tamén se podería realizar unha actividade do mesmo tipo máis adiante e despois medila coa mesma rúbrica para comparar o progreso do alumnado.

 

De que forma imos proporcionar feedback?

Para avaliar esta actividade creamos unha rúbrica. Polo tanto, levaremos a cabo unha reunión con cada grupo de traballo. Para aforrar tempo, reunirémonos con cada grupo mentres o alumnado fai traballo autónomo. Deste xeito, explicaremos a nosa decisión en canto a cada apartado da rúbrica. 

 

Como imos aproveitar a coavaliación como axuda para a aprendizaxe?

Aproveitaremos a coavaliación para potenciar o espíritu crítico do alumnado partindo da concepción do erro como parte da aprendizaxe. Todos poden aprender dos erros dos outros.

 

Como imos facer que cada alumno sexa responsable da súa aprendizaxe?

Cada persona será consciente da súa propia aprendizaxe ao observar que o obxectivo da actividade se cumpre e que entre todos e todas as persoas do grupo se se filtra correctamente a información poderase conseguir a fin comunicativa requerida no anunciado da actividade. 

 

Como ben dixen ao principio desta entrada, debemos pór en relevo a avaliación, a corrección ao noso alumnado. Tras traballar este tema na aula, eu creo que a valoración ben feita é a clave do éxito, tanto para a persoa docente como para o alumnado. Pero é necesario realizar unha avaliación correcta, axeitada aos tempos nos que vivimos e, sobre todo, sen pór unha etiqueta (un número) a cada alumno ou alumna. O ser humano somos moito máis ca iso e a melloría sempre existe en todos e en todas.

 




Comentarios