Presentación en 3, 2, 1...

O factor da ansiedade na aprendizaxe de linguas estranxeiras dentro dos programas AICLE. [Cuarta sesión]

 


Confeso que nun principio esta entrada tiña como obxectivo único criticar os programas AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas Estranxeiras) ata que din cun artigo moi interesante sobre o factor da ansiedade entre o alumnado participante nos programas AICLE. Durante varias sesións de clase falamos moito sobre a ansiedade na aprendizaxe de linguas estranxeiras. De feito, moitas compañeiras miñas escribiron algunha entrada sobre este tema (https://eenglishclassroom.blogspot.com/2022/11/tema-1_17.html , permítome compartir esta entrada do meu compañeiro Alejandro para saber un pouco máis en canto a isto). Deste xeito, creo que dar con este artigo foi todo un éxito para así mencionar estes programas de aprendizaxe xunto cun factor moi interesante, como pode ser a ansiedade cara ás linguas estranxeiras.




Malia a inclinarme neste debate, primeiro si me gustaría comentar a miña opinión en canto aos programas AICLE. Este proxecto en España iníciase entre o 2004 e o 2005 tras a previa recomendación da Comisión Europea sobre obxectivo de que o alumnado fose competente, como mínimo, en dúas linguas estranxeiras (Comisión Europea, 1995). Nun inicio ninguén se opuxo a esta iniciativa, xa que non soaba nada mal: aprender o contido dunha materia nunha lingua estranxeira. Dende a miña experiencia, xa puiden coñecer estes programas en 1. º da ESO a partir da materia de Educación Física en inglés e, máis tarde, estudei tamén Física e Química en francés. A miña experiencia coido que foi como moitas persoas comentan: nin nos centramos na lingua estranxeira nin nos centramos no contido da materia. Polo tanto, considero que o persoal docente a día de hoxe non está preparado para impartir unha materia da súa especialidade nunha lingua estranxeira, xa que considero que para realizar esta tarefa débese contar cun mínimo dun C1-C2 na lingua estranxeira. E o alumnado está preparado? Ata que punto se debe impartir unha materia nunha lingua estranxeira na que nin na propia materia da lingua estranxeira se acadan eses niveis de comprensión e expresión? Dende o meu punto de vista, estes programas chegaron de súpeto e nin o profesorado nin o alumnado está preparado actualmente.

En relación co sistema educativo que me concirne, hei de dicir que, a pesar de que son a primeira en defender as linguas estranxeiras, a educación en Galiza ten maiores eivas que superar antes de integrar por completo os programas AICLE. Hoxe en día a diglosia entre o galego e o castelán medra, e medra, sobre todo, entre as novas xeracións. Polo tanto, se non empregamos e potenciamos o uso da nosa lingua e a nosa cultura, implantar unicamente unha lingua estranxeira coma o inglés na aula é a solución? Coido que no sistema educativo galego aínda queda moito por andar en canto á normalización lingüística, polo que contemplo que un desenvolvemento eficaz dos programas AICLE non é posible sen antes reparar noutras deficiencias primordiais como poden ser a lingua do país.




Retomando o artigo que me inspirou para realizar esta entrada, El factor ansiedad en el alumnado español de los programas AICLE: evidencias y lagunas (Arnáiz Castro, 2020), recoñezo que pode chegar a ser un estudo moi interesante co fin de analizar o factor da ansiedade neste tipo de programas. Deste xeito, este artigo non determina un resultado claro por falta de instrumentos e por falta de análise en canto a aspectos esenciais dentro do eido da educación. Porén, si que mostra dúas posicións ante este debate, logo podería ser un tema para debater moi interesante. A ver que pensades!

Por tanto, nesta análise realizouse unha revisión detallada das investigacións que estudaron o factor da ansiedade no eido da aprendizaxe integrada de contidos e de linguas estranxeiras. Por unha banda, varios estudos destacaron que o contexto AICLE motiva ao estudantado en maior medida en comparación coa propia materia de inglés. Polo feito de que os contidos sexan doutra materia, suscita unha actitude positiva cara ao aprendizaxe e, por iso, reduce os niveis de ansiedade ante a aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Ademais, Heras e Lasagabaster (2015) aclaran que o feito de que o número de horas de contacto coa lingua estranxeira sexa maior, sumado a que o centro de atención non só estea formado unicamente por formas lingüísticas, senón tamén polo significado e pola comunicación, repercute de maneira positiva o nivel de ansiedade dos estudantes. Por outra banda, outras persoas autoras reflexionan que a complexidade inherente a este tipo de ensinanza poida causar un aumento nos niveis de ansiedade (Anorld, 2010 e Lorenzo et al., 2011). Tanto a variedade de temas que se tratan nas aulas das materia coma a súa especialidade non lingüísticas, en ocasións, pode requirir un maior esforzo cognitivo por parte do alumnado, o que isto produce consecuencias negativas.

En conclusión, este artigo deixa en evidencia dúas posicións aínda a día de hoxe non claras en relación coa ansiedade polas linguas estranxeiras nos programas AICLE: redución dos niveis de ansiedade tras evadir ao alumnado da sistemática lingüística do propio idioma a través dos contidos da materia ou aumento do factor da ansiedade provocado por un maior esforzo cognitivo entre a lingua estranxeira e a materia de especialidade. E vós, que opinades? Pode que o problema da ansiedade cara ao aprendizaxe de linguas estranxeiras se reduza ou se aumente tras a iniciativa destes programas? Quizais nun futuro esta incógnita sexa resolta por estudos e evidencias máis claras e xustificables.


Arnáiz Castro, P. (2020). El factor ansiedad en el alumnado español de los programas AICLE: evidencias y lagunas.

ARNOLD, W. (2010): «Where is CLIL taking us?», Pulso: Revista de Educación, 33, pp. 227-233.

COMISIÓN DE LAS COMUNIDADES EUROPEAS (1995): «Libro Blanco sobre la educación y la formación: enseñar y aprender: hacia la sociedad cognitive. Objective IV», Consejo de Europa.

CONSEJO DE EUROPA (2001): Marco común europeo de referencia para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación. Madrid: Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, Instituto Cervantes y grupo Anaya, S.A.

HERAS, A. y LASAGABASTER, D. (2015): «The impact of CLIL on affective factors and vocabulary learning», Language Teaching Research, 19, pp. 70-88.

LORENZO, F.; CASAL, S.; MOORE, P. y AFONSO, T. (2009): Bilingüismo y educación. Situación de la Red de Centros bilingües en Andalucía. Sevilla: Centro de estudios Andaluces, Consejería de la Presidencia, Junta de Andalucía.



Comentarios