Antes de mergullarme na
narrativa desta historia, aproveito para dicir que o ano pasado era a primeira
vez que me enfrontaba a dar clase a unha aula enteira: español como lingua
estranxeira en Francia. Cando se comeza na docencia, dende o meu punto de
vista, a maioría de persoas imos cuns esquemas moi premeditados de como se vai
desenvolver o curso, de como van reaccionar ou incluso dos resultados. Porén,
os esquemas moitas veces rómpense e aseguro que rematamos algunha sesión
abraiados/as; o que implica que reflexionemos sobre o moito camiño que aínda
queda por andar nas aulas.
Deste xeito, eu quería
introducir nunha das sesións unha actividade que motivase ao alumnado e ao
mesmo tempo que puidese mellorar as súas habilidades na lingua española. Nese
momento o que máis soaba nas novas de actualidade era a vitoria da futbolista
Alexia Putellas tras gañar o Balón de Ouro. Supuxen que era un tema que
motivaría a todos e a todas, xa que se trata dun deporte moi practicado tamén
neste país. Ademais, consideraba que era unha nova moi importante no mundo do
deporte español, xa que foi a figura feminina que estivo no primeiro plano.
Considero que en canto a este debate, aínda queda moito que loitar, sobre todo
en relación cos dereitos profesionais das futbolistas. Malia a isto, no meu
entorno, nestes últimos anos, normalizouse bastante o fútbol entre as mulleres,
xa que na miña vila existe unha equipa de fútbol feminina e nunca me chegou a
sorprender que unha amiga quixese xogar ao fútbol. Polo tanto, eu deseñei a
actividade a partir destas ideas previas e supoñendo as reaccións e resultados
positivos que ía acadar.
A actividade era un texto
escrito recollido nun diario dixital sobre a nova do Balón de Ouro co fin de
potenciar a habilidade de comprensión escrita. Tras ler o texto, o alumnado
debería contestar a unha serie de preguntas sobre conceptos que aparecían nel,
excepto a última pregunta que se trataba sobre reflexionar en canto ao fútbol
feminino na sociedade. Cría que esta pregunta era moi interesante para fomentar
o sentido crítico na aula.
¿Crees
que actualmente el fútbol femenino está poco valorado? Reflexiona y opina. Esta
é a pregunta en cuestión, a través da cal esperaba un debate coherente e san
entre todas as persoas da clase. Pero, nese momento, o ambiente comezouse a
crispar dividíndose a aula entre rapaces e rapazas. Todo comezou no momento no
que un mozo interveu aclarando que el non consumía fútbol feminino porque para
el non era tan intenso, que as «nenas» non tiñan tanto potencial como para
atraer ao público. «Intenso» para el facía referencia a «ser fortes», «se fose
necesario, dar patadas», etc. Os seus compañeiros asentaban. E,
inconscientemente, estaban a ser citados estereotipos de xénero na aula: o home
como unha persoa forte e suprema. As rapazas nese intre semellaban a estar
desprazadas do debate ata que unha moza que xogaba ao fútbol quixo defenderse.
Eu, como docente nese momento, quixen calmar as augas e intentar reflexionar
sobre o que acababa de dicir o compañeiro. Retomando o que citaba na
introdución desta entrada, ás veces as sesións non rematan como nós tiñamos
previsto.
Tras contar esta experiencia,
espero que vos fixese reflexionar, xa que pensamos que diversos elementos
transversais están máis que integrados na aula e ás veces non é así. Con isto,
tamén me gustaría destacar que as materias de linguas estranxeiras poden ter
unha dobre transcendencia: por unha banda, transmitir e fomentar valores, e, por outra banda, aprender unha lingua.
«A lingua é a base do noso coñecemento».
Comentarios
Publicar un comentario