Este tema da materia de Didáctica
titúlase: Estratexias de comunicación. A comunicación oral e escrita e o seu
tratamento na aula. Procedementos para o fomento das habilidades comunicativas
na aprendizaxe de linguas estranxeiras. Ao longo deste temario
reforzamos os conceptos relacionados coa mediación lingüística e con diferentes
casos reais de actividades ligadas a todas as habilidades comunicativas
(comprensión oral e escrita e produción oral e escrita).
Deste xeito, na primeira
sesión tratamos a mediación lingüística dentro do Marco Común Europeo de
Referencia para as Linguas. A docente, a través dunha presentación,
explicounos as características e os tipos de actividades para levar a cabo a
mediación lingüística na aula. Aínda que nunha materia anterior do mestrado tamén
mencionamos este novo concepto ao falar do MCER, esta sesión axudounos moito
para saber como o debemos aplicar nas nosas aulas. Considero que se trata dun
novo termo e concepto que, co paso do tempo, vaise aplicar e estudar máis para
progresar e evolucionar en canto ás metodoloxías empregadas nas materias de
linguas.
Polo tanto, para pór en práctica toda a teoría, a docente mostrounos diferentes exemplos de actividades reais levadas a cabo na Escola Oficial de idiomas. O obxectivo era, por grupos, analizalas e clasificalas segundo o tipo de mediación (verbal, visual e multimodal ou cultural), o nivel ao que estaban dirixidas, as competencias e as estratexias que se traballaban e, finalmente, os obxectivos. Logo puxemos as análises en común co resto da clase para debater e chegar á unha conclusión final. Esta actividade grupal serviunos para ver diferentes tipos de actividades (e así coller ideas para pór nós en práctica) e tamén para reflexionar sobre a importancia de establecer obxectivos en concreto á hora de deseñar unha actividade e, sobre todo, de poñer en relevo a aprendizaxe significativa e útil (actividades que se poidan aplicar na vida real).
Na segunda sesión levamos
á práctica todo o aprendido na sesión anterior: creamos unha actividade de
mediación. Por grupos deseñamos unha actividade para finalmente expoñela
como exemplo ao resto de persoas na aula. Os meus compañeiros (Alejandro e
Pablo) mais eu creamos unha actividade titulada Au resto : au Comptoir.
Dirixíase a un nivel B1 en lingua estranxeira francesa para realizala durante
unha sesión. Esta actividade clasifícase dentro da mediación verbal
lingüística-textual, onde o alumnado tivo que reformular un menú dun
restaurante (texto escrito); na que destaca unha transferencia dun código
escrito a un código oral. Neste caso, o alumnado traballaría en grupos, aínda
que trataría o texto de maneira individual. Escollemos esta actividade porque
cremos que esta situación é moi común na nosa vida diaria. Quen non tivo
problemas para comunicarse nun restaurante cunha lingua estranxeira?
Consideramos que é fundamental traballar actividades reais nas materias de
linguas estranxeiras e pensamos que era axeitado realizar esta actividade para cumprir
o obxectivo que se nos pedía. Velaquí vos deixo o proceso da actividade. Agardo
que vos guste e que vos sirva como idea!
Nome da actividade: Au resto: Au Comptoir
Temporalización (en que
momento se usa, canto dura): Esta
actividade podería realizarse durante unha sesión de 50 minutos. O alumnado
conta cun tempo de 15 minutos aproximado para a preparación e no resto de tempo
de clase faranse as presentacións da actividade.
Obxectivos da
actividade: B1 - Selecciona e transmite información
específica e relevante de folletos, instrucións, cartas, etc.
Como se desenvolve a
actividade: É unha actividade de mediación verbal
lingüístico-textual. O alumnado terá que reformular un texto escrito (unha
carta dun restaurante); é dicir, pasar de código escrito a oral. Relaciónase co
obxectivo de mediación xeral do nivel B1: Selecciona e transmite información
específica e relevante de folletos, instrucións, cartas, etc, relativo á
transmisión de información específica.
Esta actividade
realizarase na aula de segunda lingua estranxeira (francés) en 1º de
bacharelato. Traballarán en grupos pero tratarán o texto de maneira individual,
xa que se repartirían diferentes menús para contar con exemplos
distintos.
Indicacións:
En grupos de 4 sentados
ao redor dunha mesa.
Explícalle esta carta á
persoa que tes á túa dereita tendo en conta:
1. A persoa da túa
dereita…
- é
alérxica ao pescado
- non
lle gusta a pasta
- ten
ganas de probar unha especialidade francesa
2. A persoa da túa
dereita…
- é
vexetariana
- non
lle gusta a carne de porco
- quere
probar unha especialidade da casa
3. A persoa da túa
dereita…
- é
intolerante á lactosa
-
adora a carne
- non
lle gusta a ensalada
4. A persoa da túa
dereita…
- é
celíaca
-
gústalle o polo
-
come pouquiño
Como se agrupan os alumnos:
En grupos de 4 pero
preparan o texto de maneira individual.
Materiais da actividade: Contamos un menú real (texto escrito) en formato
papel e posibilidade de acceder á rede para documentarse.
Avaliación da
actividade:
CRITERIOS
Criterio de avaliación
Resumir ou parafrasear
un texto para facelo intelixible a quen necesita esta mediación por
descoñecemento ou coñecemento insuficiente da lingua meta.
O alumnado realiza
actividades de mediación lingüística (reformula o sentido dun texto, oral ou escrito
para facelo comprensible a persoas interlocutoras que descoñecen a lingua en
que se produce, escribe o resumo dun debate oral ou un artigo lido noutra
lingua, fai unha exposición oral a partir de notas, cambia de modalidade
semiótica, como do texto ao esquema, etc.).
Rúbrica: grávanse todas as presentacións no teléfono, mándanse
e despois o/a docente avalíaas.
TEXTO ESCRITO:
En conclusión, creo que pasamos un bo «rato» compartindo todas as nosas actividades. Este tipo de traballos fan que esteamos máis en contacto coa realidade dunha aula de lingua estranxeira e así, dun xeito ou outro, inspirarnos para crear as nosas propias actividades.
Logo, na segunda parte da
segunda sesión, falamos das actividades de comprensión: os seus obxectivos
e todos os puntos que debemos ter en conta para levalas a cabo. Deste xeito, a
docente mandounos pensar e deseñar unha actividade de compresión. Por iso, o
meu grupo creou unha actividade deste tipo dirixida a un nivel B2 de español
como lingua estranxeira. Tratábase dun vídeo, un texto escrito e, por último,
unhas preguntas sobre o texto para reflexionar. Co fin de potenciar elementos
transversais na aula, como pode ser a igualdade de xénero, decidimos facelo a
través dun contido que trataba sobre o Balón de Ouro feminino. Alexia Putellas neste
caso foi a protagonista, a primeira muller futbolista española en gañar este
recoñecemento.
Membros do grupos: Alejandro Pérez, Pablo García, Tais
Rego
Nome da actividade: Alexia Putellas y el fútbol femenino
Nivel: B2 / Español como lingua estranxeira [ELE]
Temporalización (en que momento se usa, canto dura): 2
sesións
Obxectivos da actividade: Potenciar a comprensión oral e
escrita. Fomentar elementos transversais na aula coma a igualdade de xénero no
deporte.
Como se desenvolve a actividade:
1) Visualización dun vídeo onde a protagonista, Alexia
Putellas, predica o discurso tras recibir O Balón de Ouro. Isto será unha boa
forma para iniciar o alumnado no tema, para evitar meterse de cheo no texto
(comprensión escrita). Tras visualizar o vídeo do discurso, comentarase
diferente léxico importante que poideron escoitar e aclarar dúbidas. Ademais,
tamén se poderá contar coa súa opinión en canto ao vídeo.
2) Entregarase o texto (comprensión escrita).
2.1) Por turnos,
lerase o texto en voz alta para así practicar a pronuncia en español.
2.2) Por parellas
buscarán un número de palabras específico para logo comentar en clase e así
axilizar a comprensión do texto.
2.3) Resolveranse
dúbidas que aínda quedaron do texto.
2.4)
Individualmente contestarán as preguntas de maneira escrita.
2.5) Despois dun
tempo estimado, resolveranse as preguntas de maneira oral.
2.6) Nesta parte centrarémonos na última pregunta: no debate. Esta pregunta pode durar máis tempo, xa que a partir de que o alumnado tivo tempo de pensar e crear a súa propia opinión, iniciarase un debate sobre este tema.
Como se agrupan os alumnos: Para a comprensión do texto,
agruparanse en parellas para buscar X palabras e así cada parella comentará en
voz alta o seu significado nese contexto determinado. Logo, as actividades de
comprensión escrita realizaranse de maneira individual.
Materiais da actividade: Vídeo Youtube e texto escrito en
formato papel.
Avaliación da actividade: A avaliación que vai predominar esta actividade é a observación na aula. O obxectivo desta actividade é fomentar a comprensión, tanto escrita coma oral. Polo tanto, o ou a docente observará cada alumno/a na aula e realizará as correccións axeitadas en cada momento en canto á expresión oral e facilitará a comprensión do texto.
Motivación (por que escolleu esta actividade): Esta actividade escolleuse principalmente porque trata dun tema de actualidade: o fútbol feminino. É un deporte que gusta e atrae a unha alta porcentaxe de persoas, e, ademais, esta actividade tería unha dobre transcendencia: concienciar o alumnado sobre a igualdade de xénero.
Ligazón vídeo:
https://www.youtube.com/watch?v=SUG85-JCiFw&t=145s&ab_channel=FCBarcelona
Finalmente, na terceira
sesión (e última) do Tema 3, estudamos as actividades de expresión e
interacción. Seguimos a mesma dinámica que a tipoloxía anterior: primeiro,
aclarámolas teoricamente e, logo, reflexionamos sobre a práctica. Para este
último paso, cada grupo debía pensar nunha actividade diferente a partir da
indicación que nos pedía a docente: escribir unha reseña, narrar unha experiencia
ou escribir un correo electrónico. A nós tocounos narrar unha experiencia. Polo
tanto, pensamos nunha actividade (tendo en conta que debiamos ter en conta o
propósito, a autenticidade, a integración e o público) na que o alumnado debía
narrar un prato tradicional procedente do seu entorno ou familia: por que ese
prato?, de onde procede esta tradición? e, sobre todo, narrar a receita.
E isto é todo! Grazas a este tema puiden coleccionar máis
ideas para así deseñar as miñas actividades. Ademais, a docente implicouse
moito para darnos moitos consellos en canto á realidade metodolóxica de como crear
e presentar unha actividade (segundo a súa tipoloxía) ao alumnado.
Comentarios
Publicar un comentario